Monday 29 de April de 2024

A Xunta estuda coa hostalería e co ocio nocturno medidas que garantan a súa apertura e a seguridade dos seus clientes


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes do sector para avaliar a nova situación epidemiolóxica en Galicia e como afecta aos seus negocios

― Analizarase a posibilidade de implantar na hostalería algunhas das medidas que están a funcionar no ocio nocturno

A Xunta estuda coa hostalería e co ocio nocturno medidas que garantan a súa apertura e a seguridade dos seus clientes perante a nova situación epidemiolóxica en Galicia, xa que desde a Administración autonómica trátase de evitar o peche dun dos sectores máis prexudicados pola pandemia.

No marco dos encontros habituais que a Xunta mantén cos colectivos máis castigados pola crise da covid, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe reunións por videoconferencia con representantes do ocio nocturno e da hostalería. En ambos casos, o obxectivo era analizar o impacto das novas medidas acordadas polo comité clínico en relación coa situación epidemiolóxica de Galicia.

O encontro vén acaído polas novas restricións nas reunións de persoas que afectan á hostalería -cun máximo de seis no interior dos locais e dez no exterior-, e a obriga, para acudir a locais de ocio nocturno, de dispor dunha PCR ou test de antíxenos negativo, realizados nas últimas 72 horas, ou un certificado de vacinación.

No encontro avaliáronse posibilidades como a de implantar na hostalería medidas que están a funcionar no ocio nocturno, porque iso incrementaría a seguridade dos seus clientes e dos seus negocios. O obxectivo, como dixo Alfonso Rueda, é “evitar peches que ninguén quere”. Julio García Comesaña indicou que tamén poderían aplicarse en funcións dos concellos e da súa situación, pero recalcou que calquera das posibilidades abordadas nos encontros terán que ser analizadas detidamente e, en caso de ser factibles, aprobadas polo comité clínico.

A Xunta é consciente de que nesta nova situación o maior perigo de contaxio está nas reunións de persoas e nos botellóns, polo que seguirá extremando os controis, xa que esa vixilancia, sobre todo nas fins de semana, está dando bos resultados.

A Xunta acompañou ao sector desde o inicio da pandemia, e así, puxo en marcha dous plans de rescate con axudas directas nos que se mobilizaron 182M€, dos que máis da metade foron para a hostalería. Agora está en marcha o terceiro plan de rescate, financiado con cargo a fondos estatais, polo que, en total, o sector recibirá 416 millóns.